Thursday 28 de March de 2024

A Xunta organiza a semana que vén na Coruña unha xornada técnico-informativa sobre a IXP Pan Galego


― Está previsto que se celebre o xoves 7 de outubro, en horario de mañá e tarde, no CIFP Paseo das Pontes

― O obxectivo é transmitirlles aos diferentes operadores que interveñen na produción do pan as posibilidades que ofrece traballar baixo este selo de calidade, así como o procedemento para inscribirse e os rexistros necesarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira na Coruña unha xornada técnico-informativa sobre a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego. Está previsto que se celebre o xoves 7 de outubro no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Paseo das Pontes, en horario de mañá e tarde, cun total de sete horas de duración.
O obxectivo é transmitirlles aos diferentes operadores que interveñen na produción do pan (produtores de trigo, muíños e panadarías) as posibilidades que ofrece traballar baixo este selo de calidade, así como o procedemento para inscribirse e os rexistros necesarios para cumprir o prego.

Así, a xornada comezará cunha presentación de dito prego e do regulamento que rexe esta IXP, para continuar tratando as perspectivas de desenvolvemento do trigo autóctono e os valores diferenciais do Pan Galego. Seguidamente haberá unha mesa redonda con axentes do sector para tratar o presente e futuro deste produto, para rematar cunha visita a un obradoiro de pan.

Os interesados poden inscribirse a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. Os formularios deberán ser enviados ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Para máis información poden dirixirse ao teléfono 881 997 279.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.